Tuesday 07 de May de 2024

Brión aproba os Orzamentos de 2016, que ascenden a 5,5 millóns, destinan 640.000 € a inversión e reducen a débeda en 295.000 euros


García asegura que “non nos sentimos moi orgullos, porque se as normas fosen outras fariamos uns orzamentos distintos, pero tamén son os primeiros nos que se nota unha melloría dende a crise”

O pleno municipal de Brión aprobou esta mañá en sesión extraordinaria os Orzamentos Municipais para 2016, que medran un 8% con respecto aos de 2015 e contemplan un superávit de 106.000 euros, xa que o orzamento de gastos ascende a 5.473.617,78 euros mentres que o orzamento de ingresos é de 5.579.084,57 euros. Uns orzamentos que foron aprobados cos 11 votos a favor do PSOE e do BNG; e cos 2 votos en contra do BNG.

O alcalde, José Luís García, explicou que “este orzamento cumpre coa normativa. Non nos sentimos moi orgullosos porque, se as normas fosen outras, fariamos uns orzamentos distintos pero tamén hai que recoñecer que son os primeiros nos que se nota unha melloría dende a crise de 2010”. Neste sentido, García puntualizou que “a situación economica do Concello de Brión é moi boa. Temos 1,7 millóns de euros no banco e, de non ser pola normativa actual, poderiamos presentar unhas contas moito mellores”.

Orzamento social

Porén, José Luís García defendeu que “é un orzamento moi baseado na parte social, pois leva obras e inversións en atención social que son para sentirse orgulloso”. Así, desglosou que a partida destinada a servizos sociais e atención no fogar medra un 26%, dos 421.000 euros de 2015 aos 530.100 euros previstos para 2016. Especialmente significativo é o crecemento en cursos formativos e actuacións de orientación laboral para desempregados, que duplican a súa partida (de 45.900 a 92.829 euros).

Tamén aumentan as partidas dedicadas aos centros educativos do municipio, que pasan de 528.000 a 598.000 euros; e a parques e xardíns, que medra dos 74.825 euros de 2015 aos 113.299 euros de 2016. Finalmente, o investimento en cultura crece dos 424.000 aos 504.000 euros; mentres que a de Deportes aumenta dos 155.000 aos 175.000 euros; en ambos casos motivados por unha maior achega por parte da Deputación Provincial da Coruña.

En materia de investimentos, os Orzamentos de 2016 destinan un total de 641.000 euros, 206.500 euros máis ca en 2015. Nesta partida figuran 119.170 euros para o mantemento de beirarrúas nas parroquias de Bastavales e Os Ánxeles, a mellora de pistas de acceso ao Goiáns, Ombre e Vilar; e para as conexións con Esparís e o tramo entre as aldeas de Guitiande e Adoufe. Outros 100.000 euros destinaranse a mantemento de camiños municipais, concretamente nas aldeas de Babenzo, Baliño e Alqueidón (49.209 euros) e na conexión de Guisande (parroquia dos Ánxeles) coa AC-300 Os Ánxeles – A Picaraña (66.591 euros).
Así mesmo, destinaranse outros 100.000 euros para a reparación e mellora da envolvente exterior do centro social polivalente (32.887 euros) e do pavillón municipal de deportes (66.554 euros). Trátase dunhas melloras para mellorar o illamento térmico de ambas instalacións. García fixo fincapé nos 32.783 para instalar pavimento continuo en dous parques infantís, situados nas urbanizacións “Devesa da Gándara” e “Monte Devesa”, e nos 71.398 euros para a ampliación das redes municipais de abastecemento e saneamento nas aldeas de Coruxido e Bastavaliños (parroquia de Bastavales) “de forma que chegamos a algunhas casas que aínda non recibían estes servizos”.

O alcalde de Brión tamén salientou unha “importante reducción” da débeda viva, que pasará dos 360.138 euros aos 66.000 euros “porque imos amortizar catro préstamos”. Os gastos de persoal mantéñense nos 2 millóns de euros, incluíndo unha suba do 1% para o persoal e dotacións para substitucións na escola infantil municipal e na cuadrilla de obras, compensadas en gran parte pola xubilación do anterior capataz. Pola súa banda, os ingresos por impostos directos suman 1,6 millóns, mentres que por taxas son de 1,16 millóns de euros.

Oposición

O voceiro do Partido Popular, David García Arcos, xustificou o voto favorable da súa formación en que “o orzamento é correcto, cumpre o límite e a regra de gastos” e indicou que “nos gustaría que en traballos e servizos realizados por outras empresas se controlase máis que o servizo que prestan teña a calidade que debería ter”. Ademais, agradeceu aos servizos de Intervención Municipal que lles resolveran todas as dúbidas na Comisión de Contas celebrada onte martes.

Pola súa banda, o voceiro do BNG, Xesús Pena Espiña, xustificou un novo voto en contra dos orzamentos municipais en dous aspectos: “é unha proposta pechada do Grupo de Goberno, sen diálogo coa oposición, o que impide que haxa proxectos que non sexan abordados” e en que cumpren coa normativa imposta polo Goberno Central, que “está pensada para desbaratar o Estado do Benestar e centralizar competencias no Estado”. Neste sentido, Pena Espiño instou ao Grupo de Goberno a non respectar a normativa vixente: “o orzamento debería afrontar con valentía as liñas roxas que limitan a autonomía municipal” e criticou que os orzamentos se presentaran fóra de prazo e con pouco tempo para o seu estudo.

Ademais de preguntar sobre o destindo dalgunhas partidas concretas, os nacionalistas propuxeron incrementar os ingresos para camiñar cara unha maior autonomía fiscal. Por iso solicitaron “aumentar os ingresos polo IBI a través da actualización dos bens inmobles. Habería que actualizar o Catastro” e pediron que o Concello fixera un traballo para que os veciños que dispoñan de vehículos os dean de alta no municipio xa que “é unha partida escasa”.

O alcalde brionés agradeceu o voto favorable do PP e aceptou o voto negativo do BNG, “sen chegar a entendelo, pero acéptoo”. García lembrou que “sempre estamos dispostos a escoitar propostas, pero os orzamentos fainos este Goberno” e recoñeceu que “é a primeira vez que os presentamos fóra de prazo, pero debeuse a que estabamos pendentes de recibir a sentenza dos terreos de Villa Amalia”. García explicou unha por unha as dúbidas plantexadas polo BNG sobre o destino das partidas incluídas nos orzamentos de 2016 porque “non hai nada escondido, independentemente da súa postura” pero indicou que o Concello non pode incumprir a normativa vixente. Así mesmo, lembroulles aos concelleiros que as contas foron entregadas no prazo legalmente establecido.

Sobre as propostas nacionalistas para incrementar a recadación por impostos, García indicou que “temos uns orzamentos que incrementan os investimentos e reducen a débeda sen necesidade de incrementarlles as taxas ou impostos á veciñanza. E así imos seguir”.